Bronce para “Aires de Pontevedra”

EN: Warning: This post is over two years old, so it's possible that the views, opinions, links or instructions reflected on it do not correspond with the way I think now or the way things currently work. I have evolved (and so have the World and the Internet), so it might be advisable to just take this entry for a glimpse into the (my) past. :)

ES: Atención: Este artículo tiene más de dos años de antigüedad, de modo que los puntos de vista, opiniones e instrucciones que se vierten en él pueden no corresponder con cómo pienso ahora o cómo funcionan las cosas en la actualidad. He evolucionado (y también lo han hecho el mundo e Internet), así que probablemente lo más recomendable sería entender esta entrada como un simple reflejo del (de mi) pasado. :)

A pasada fin de semana acudín á localidade de Vilarreal, na provincia de Castellón (Comunidade Valenciana) para participar no I Trofeu Gym Vila-real, organizado para celebrar a construción dun novo ximnasio para o clube de ximnasia artística da vila.

No torneo participaron en total máis de 50 ximnastas procedentes de clubes de Valencia, Aragón, Navarra, Madrid e Galicia (representada por servidora :geeked: ). Na miña categoría, nivel 3 maiores, eramos 11 ximnastas.

Debido ós diversos compromisos que teñen estas datas os ximnastas doutras seccións do meu clube, non puido vir comigo ningún adestrador. Eu xa o sabía de antemán e decidira “motu proprio” participar de tódolos xeitos baixo a miña responsabilidade. Tiña ganas de participar nun torneo no nivel 3 antes dos Galegos e, ademais, Castellón é onde naceu a miña finada avoa materna. En calquera caso, xa sabía que todos estabades comigo na distancia. ;)

Ó chegar ó aeroporto de Valencia recolléronme e, nada máis chegar a Vilarreal, déronme a acreditación e o programa e comecei os adestramentos oficiais. Adestrei bastante ben tendo en conta que me tiven que adaptar a un tipo de bote diferente ó do noso tumbling no solo e á famosa “lingua” do salto, que nós aínda non temos, pero sen música no solo porque esquecera o CD na casa :P e aínda que enviara a música por correo electrónico, esperábase que a xente trouxera os seus CDs. A sá era espazosa e os aparellos eran novos. A miña única queixa foi da magnesia, que non “funcionaba” como era de esperar, pero bueno, era cuestión de adaptarse. Nos adestramentos charlei algo con adestradoras doutros clubes e varias nenas. Moitas delas parecían sentir certa curiosidade por min.

Pola noite coñecín á miña familia de acollida: a de Laura, ex-ximnasta e agora monitora no clube. Tamén acollería a Elena, a adestradora que viña coas nenas de Pozuelo. As ximnastas foron por un lado e a min invitáronme a participar na cea dos adestradores.

Ó día seguinte pola mañá tivo lugar a competición dos niveis 1 e 2, mais eu fun dar unha volta a Castellón cun amigo da familia moi vinculado a Galicia e catro dos seus fillos, que tiñan clase de natación. Mostraron interese en me vir ver pola tarde. Voltei a Vilarreal á hora de xantar, ó que nos invitou o clube a todas as ximnastas e adestradores. A comida estaba boa pero era algo pesada para nenas (e non tan nenas) que ían competir apenas un par de horas máis tarde. Había bastantes nervios nas mesas e moitas case non probaron nada.

Eu comecei a competición bastante nerviosa. Fixen un adestramento pre-competición bo, pero todas as tomas de contacto que fixen logo foron desastrosas. Bueno, menos a de asimétricas.

Comecei no solo e fun a última do meu grupo en saír nese aparello. Como as notas do solo tardaban en saír e os demais acabaran moito antes, cando foi o meu turno todo o pavillón estaba pendente de min. Afortunadamente Mariló, unha das organizadoras, puidera gravar a miña música nun CD e soou sen problemas (non coma no caso doutra ximnasta, á que o público lle tivo que facer palmas porque o seu CD estragárase nada máis empezar). Preocupábame a primeira diagonal: puxera as mans no flicflac-plancha da toma de contacto e puxen toda a miña forza mental en evitar que se repetira. Tiña ós meus amigos de Castellón animando e cando empezou o preludio das gaitas de Milladoiro, interpretando Aires de Pontevedra, aínda que seguía nerviosa, souben que podía saír ben.

E saíu bastante ben. Tendo en conta que a miña segunda serie non é moi boa e que teño tendencia a non facer moi ben o mortal adiante, quedou pasable, cos elementos de danza ben executados e moita expresividade que seica emocionou a algunha xuíz. ;) A coreografía gustou a moita xente. Non é para tanto, pero se pensamos no tipo de exercicios de solo que se fan hoxe en día adoitan ter esquema elemento-pose-elemento-pose supoño que o meu chamaba a atención.

No resto dos aparellos baixei un pouco: no salto da toma de contacto dille un bo susto a máis de un, así que fun con demasiada cautela no salto de competición (ademais, eu estaba a mirar á xuíz equivocada e tardei en saír :P ). Entrei moi vertical e non puiden repulsar ben.

Nas asimétricas caín, pero fixen o resto dos elementos que tiña preparados sen pausa.

Da trabe mellor non falamos. Caín dúas veces da barra, unha sobre a barra e pasei de facer un elemento. Iso si: cravei a saída. :p Foi onde máis botei de menos ter a alguén coñecido preto. Tiña ós amigos de Castellón, pero sentira que defraudara ós nenos, aínda que polo que me contaron despois, a eles todo lles pareceu ben e me puxeron notas tipo “11 trillóns” en todos os aparellos. :D

Acabei a competición algo desilusionada. Sentía que merecía unha medalla no solo, pero nestas cosas nunca se sabe. Xa estaba resignada a levarme só a esculturiña para o clube, que está bastante ben, por certo, cando oín “tercera clasificada, Cristina Martínez del club Ximnasia Pontevedra” e saín brincando para o pódium onde lancei bicos ós meus amigos. Déronme a medalliña e cando baixei deume un ataquiño de emoción. :P Unha nena me preguntou se choraba porque non me gusta quedar terceira ou porque estaba moi contenta, eu díxenlle que choraba por un pouco de todo. x)

Logo fíxenme as únicas fotos que teño do evento (aínda que polo visto hai algún vídeo por aí, así que estou tentando conseguilo) cos nenos que me viñeron ver. Como agasallo pola súa paciencia, dinlles unhas pegatinas de ximnastas e medallas, e unha das nenas despegou a medalla de ouro para ma dar. :D

Pola noite, invitáronme á cea de xuíces, organizadores e adestradores nun restaurante italiano. A comida estaba xenial, e as conversas foron moi interesantes.

Ó día seguinte, regresei a Pontevedra, pero antes Tere, a directora do clube, levoume a facer algo de turismo por Vilarreal.

Dende aquí quero agradecerlle a Tere e Mariló como organizadoras todas as súas atencións. Tamén quero lle dar as gracias a Laura e á súa familia por me teren acollido no seu fogar, tamén a María Belén por animar o ambiente. ;) E tamén envío unha lembranza especial a Elena e a Rebeca, adestradoras do clube Pozuelo e do San Agustín de Madrid respectivamente, polas charlas e a súa axuda cos aparellos, e tamén a tódalas nenas coas que falei. Graciñas ó meu adestrador Pablo por se ter preocupado por min na distancia e unha aperta moi forte á familia Calle por ter vido a me animar durante toda a competición. :luv:

Vémonos noutra destas. :)

Aquí estoy yo. x) Foto: elperiodicomediterraneo.com